Solventado algún pequeno gran problema técnico (que a xente máis detallista será quen de detectar) chegamos a nosa cita semanal cun tempo de radio diferente.
De Franqueira a Novoneyra, pasando por Pablo Casado ou Wenceslao Fernández Flórez chega aos teus ouvidos un AQUI E AGORA atípico pero cheo de sentimento: o que lle puxemos, xunto con Cris Bajo e Vicky Louro, para falarmos da loita feminista.
Todo e máis: Aqui e Agora!
Escoita o programa íntegro:
Ou vai por partes…
A volta ao mundo
Viaxamos até London para falarmos con Miguel Rodríguez, impulsor, xunto con Duarte Romero, da iniciativa TÉ CON GOTAS que nos achega á realidade da comunidade galega en Inglaterra e nos ofrece a súa visión do que na Gran Bretaña pasa e acontece.
Libros libres
Esta semana Mitas Valencia, achéganos dende as estanterias da Livraría Suévia da Coruña unha proposta de lectura infantil con arrecendo feminista. Benvida sexa!
Aquí pasou o que pasou
Rescatamos do esquecemento a un tipo con moitos ovos. Só podía ser el: Eulogio Gómez Franqueira.
Achegámonos ao 8m
Achegámonos ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, da man de dúas activistas feministas alegres e combativas: Cris Bajo e Vicky Louro. Para que coñezas de primeira man unha outra visión diferente á que che venden os mass media sobre a loita pola plena igualdade das mulleres. Adiante!
Viaxamos ao bosque animado
Coñecemos a outro Wenceslao Fernández Flórez da man da secretaria da fundación do autor do Bosque Animado. Alicia Longueira achéganos unha faciana moi pouco coñecida deste escritor coruñés: a súa vertente nacionalista, que marcou os seus primeiros anos de vida adulta.
Lapexada
No noso espazo para o coloquio desta volta falamos da soidade e o recollimento. Xurxo Longueira, Sonia García Castro e Lois Diéguez protagonizan unha sección que pide ser escoitada na máis estrita intimidade… é broma! Non deixes de escoitar un tempo de radio no que, coa excusa dunha estadía do Lois Diéguez na casa petrucial do Uxío Novoneyra reflexionamos sobre a necesidade que ás veces sentimos de afastarnos un pouco do mundo tolo no que vivimos.