Seccións do programa

A de cousas que pode ter un só programa, non si? Pois aquí chas explicamos todas!

Programas completos

Full equip, para ti que che gusta a calidade en cantidade. Escoita Aqui e Agora ao completo, de comezo a fin, para non perder nada, para enterarte de todo. Un ronsel de seccións e voces amigas en sesión non stop, como os guisotes que fai túa nai, para que arrepañes co pan, para que non deixes nada no prato. E se aínda así, quedaches con ganas de máis, xa sabes, bucea nos programas antigos ou dalle ao replay.

Despegamos

Os comezos sempre son difíciles. Aqui e Agora comezamos sempre coa mellor das intencións, e a intención é o que conta. Ou non? Sempre temos un momento para filosofar sobre a intrascendencia da vida que vivimos, para pararnos un segundo en aspectos triviais da actualidade que nos inunda. Nada en concreto e todo en xeral, sempre cun punto de vertixe, asi despegamos semana a semana Aqui e Agora.

A volta ao mundo

Agora á emigración, chámanlle mobilidade. Pero ti e nós sabemos que é o conto de sempre versión 2.0, asi en plan rollo molón. Nesta sección poñémoslle voz ás xeracións máis e mellor preparadas da historia da Galiza que andan a buscar o pan polo mundo adiante. Queremos que nos conten da súa realidade vital, familiar, social e laboral, que nos acheguen ás cidades, aos paises, aos mundos nos que viven... e que manden recordos á familia!

Libros libres

Cada semana, percorremos os estantes da libraría Suevia para buscar un libriño co que poñerlle máis cor á vida das nosas crianzas e a nosa propia. Facémolo da man de Mitas Valencia que nos achega e comenta títulos do máis variado, tanto novidades coma clásicos atemporais. E a maiores, de cando en cando, abrimos unha xanela aos traballos discográficos dos grupos galegos especializados en música infantil.

Aquí e Agora Lois Diéguez
Aquí e Agora Xurxo Longueira

Mar abaixo

O biólogo mariño Xandre García Regueira percorre para ti todo o litoral galego para achegarnos unha realidade ás veces tan próxima coma descoñecida, a do noso mar. Para que poidas distinguir unha zamburiña dunha voandeira ou, por exemplo, unha sardiña dunha balea. Antes de que nos carguemos definitivamente o noso mar e toda a súa biodiversidade, Xandre ofrécenos a posibilidade de descubrilo. Moita máis info en marabaixo.gal

Aquí pasou o que pasou

Unha viaxe atemporal e intempestiva pola intrahistoria do impais. Persoas e personaxes que protagonizaron, con maior e menor fortuna, a peripecia colectiva da Galiza autonómica e autoanémica. Unha sección revival chea de sarcasmo e, tamén hai que dicilo, algo de agarimo. A nosa historia contámola nós! Vaia, Aqui e Agora cóntana eles e elas, protagonistas absolutos, e ás veces absolutistas, das últimas décadas.

Recortes

O país e a súa xente, a paisaxe e a paisanaxe. Xente que ten cousas que dicir para xente que ten cousas que escoitar. Galiza nunca deixa de sorprendernos (incluso para ben!), somos un país creativo, vital, optimista e hiperactivo. E máis que seríamos se nos deixasen. A actualidade deixase ver, e sobretodo escoitar, Aqui e Agora.

En 1ª persoa

Unha conversa pausada, tranquila, de vagar, sen presas nen reloxo. Un tempo para coñecer a homes e mulleres libres que fan da Galiza un lugar no mundo un pouquiño mellor. Radio pausada e tranquila, para escoitar con calma e tranquilidade. Persoas con nome propio na cultura galega que lle dan forma á sección slowly do Aqui e Agora.

Aquí e Agora Fátima López
Aquí e Agora Dani Carballada

Viva el vino!

Recuperamos, cargados de ironía, temas musicais que forman parte da nosa memoria colectiva e que respiran machismo en cada nota. Reflexionamos sobre a normalidade coa que asumimos a violencia machista na mal chamada cultura popular e a facilidade como os mass media irradian dende Madrid contidos vomitivos que perpetúan o rol sumiso e dependente da muller na sociedade.

Na rede

Cada semana botamos a rede na rede, a ver que apañamos! Frikadas, realidades paralelas, bulos, trolas coma mundos, verdades a medias, postverdades e noticias que non verás nos medios sistémicos. A actualidade de webs, perfís, chats, posts e demais fauna faise escoitar Aqui e Agora.

Lapexada

Cada semana Xurxo Longueira, Sonia García Castro e Loís Diéguez xuntanse para compartir contigo un tempo de palabra e reflexión sobre o divino e o humano. Xurxo é un estudante de ciencias políticas na universidade de Santiago, Sonia é profe de educación infantíl en Cerceda e o Lois é un viaxeiro infatigábel, autor literario de longa e contrastada traxectoria e persoa comprometida coa causa da liberdade da Galiza dende os tempos da ditadura. Unha mesa de persoas diferentes, e por veces diverxentes, para quentarche a cabeciña un pouco.

O que hai que ver

Para que tomes nota, para que logo non digas que non avisamos e para que nos poñas cara. Que unha imaxe vale máis que 1000 palabras? Aqui e Agora tes as que queiras.

Non perdas ningún programa. Non tes excusa!

… ou síguenos en Ivoox.